Este proxecto participativo xurdiu da colaboración entre a directora do Departamento de Orientación do CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal, Noa Vera Baliñas, e unha profesora do Grao en Terapia Ocupacional da Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, Natalia Rivas Quarneti.
En xaneiro do 2018, comezamos a planificar a incorporación no centro desta profesora terapeuta ocupacional como forma de ver as posibles contribucións desta profesión nos centros educativos.
Nas reunións iniciais, plantexamos a posibilidade de intervir nos patios (con xogo inclusivo e, tamén, no espazo para que este facilite o desfrute de todas/os as/os nenas/os, entre outros). Eramos conscientes de que as nenas/os, as familias, o profesorado e outro persoal do cole querían mellorar os patios. Xa existían grandes ideas polo que buscamos crear sinerxias e canalizar estas aportacións cun proxecto de colaboración e participación colectiva: Transformando os patios.
Para realizar este proxecto, configurouse un equipo de traballo con experiencia en metodoloxías participativas, desenvolvemento infanto-xuvenil e desenvolvemento comunitario, dende unha perspectiva ocupacional crítica.
Coma metodoloxía, empregamos a fotografía e as novas tecnoloxías para reflexionar sobre o que gusta e non gusta dos patios dende a perspectiva das persoas implicadas, e así poder pensar, entre todas e todos, como melloralos.
Durante a primeira metade do curso 2018/2019, todo o alumnado do CEIP participou na fase na que se xeraron os datos a través da fotografía (ver resultados).Tamén participou o profesorado, o persoal de administración e servizos e as familias.
O equipo de traballo


